Sabías que Carnota é o segundo concello costeiro galego con máis superficie protexida?
O Concello de Carnota conta cun marabilloso patrimonio natural e histórico recoñecido no mundo enteiro. A sociedade local sábeo e traballa durante todo o ano para que este paraíso natural se conserve para as xeracións vindeiras e por suposto xere progreso e benestar para as presentes.Queremos que durante a túa estancia no Trail teñas tempo para visitar todo ese patrimonio. Queremos que coñezas o único río de Europa que desemboca no mar en fervenza. Queremos que fagas unha visita máis relaxada ao Monte Pindo, o Olimpo Celta dos nosos antergos, pois cando non o cruzas correndo senon paseniño as pedras comezan a adoptar formas recoñecibles. Queremos que percorras a nosa paisaxe mariñeira cos seus peiraos naturais, casetas mariñeiras e vellas conserveiras, ou a nosa paisaxe agrícola inzada de muíños e fontes.
Queremos que des un paseo pola praia máis longa de Galicia. Queremos que cabalgues sobre as ondas dun dos máis privilexiados entornos no mundo para a práctica do windsurf e do kitesurf. Queremos que disfrutes un merecido descanso relaxándote nunha das nosas praias virxes; temos tantas que perdemos a conta, e algunhas tan inmensas que podes cadrar co teu peor inimigo na mesma e nunca chegar a vervos. Palabra.
Queremos que se aínda tes gañas de andar percorras a Senda Verde entre o Ancoradoiro e Louredo (e se queres, faino en bicicleta), pois de camiño atoparás o Museo Aberto de Carnota, co seu Castro de Mallou, a Torre dos Mouros en Lira e un dos conxuntos de petroglifos máis impresionante do sur de Europa, todo recentemente recuperado polas mans de expertos coa axuda do voluntariado. Tamén queremos que coñezas os dous hórreos que compiten entre si por ser os máis grandes do mundo, un en Lira e outro en Carnota... e ver se te atreves a resolver por ti mesmo unha polémica que dura séculos!
Queremos que disfrutes do bo xantar e da mellor colleita do noso Mar e da nosa Terra, servidos por mans mestras que levan décadas obrando verdadeira maxia gastronómica en cada prato. Queremos que pares a tomar un refresco nos fantásticos establecementos da zona, e que disfrutes das mornas e divertidas noites de verán de Carnota tomando unha copa.
Queremos que descubras toda a artesanía que atesoura un concello que acolle algúns dos mellores artesáns de Galicia nas súas diferentes disciplinas. Queremos que te perdas no comercio local e descubras todo o que pode ofrecer. Queremos que probes un pan recén forneado. Ou que merques mel ou tomates de produción ecolóxica.
En definitiva, convidámoste a ampliar a túa experiencia no Trail Monte Pindo cando menos un día máis, pois aínda que non o creas, todo o anterior pódelo facer nunha soa fin de semana, o que non está nada mal despois de rematar o Trail máis duro de Galicia, verdade? Prometémosche que a experiencia non che defraudará.
Que me ofrecedes?
A organización quere facilitar o máximo posíbel a túa pernocta en Carnota e negociamos por ti un prezo exclusivo de 25€ pola habitación dobre para todas as persoas participantes do V Trail Monte Pindo só por identificarte como tal no momento de facer a túa reserva telefónica. As datas a elixir son a noite do venres 12 de xuño e/ou a noite do sábado 13 de xuño.Establecementos participantes:
- Pensión A Morada (O Pindo). Fai a túa reserva no 981 76 48 70.
- Casa de Turismo Rural Xanela da Lúa (Lira). Fai a túa reserva no 617 48 51 82.
- Pensión Sol e Mar (O Pindo). Fai a túa reserva no 981 76 02 98.
0 comentarios :
Publicar un comentario